Páginas

martes, 19 de enero de 2010


Michelle Bachelet e os mapuches


¿Houbo e hai vontade política real por partes dos diferentes Gobernos democráticos de Chile para solucionar a chamada cuestión mapuche?
Inauguraba cun discurso a presidenta chilena en Santiago de Chile o Museo da Memoria e a irmá dun mozo mapuche recentemente asasinado pola policía, Matías Catrileo, berrou apulada nun poste da luz, para ser ben ouvida pola mandataria, que en Chile se violaban os dereitos humanos, ao mesmo tempo que guindaba uns papeis ao ar nos que se podía ler o seguinte: "En democracia se sigue torturando y a nuestro pueblo se sigue encarcelando". Contan as crónicas que a presidenta Bachelet, visibelmente sorprendida, despois de interromper o seu discurso e ficar en silencio durante uns segundos, replicou dicíndolle á irmá do asasinado que entendía a súa dor, "pero que en democracia se hace justicia y se hará justicia. Eso es lo que podemos asegurar". Divinas palabras. Porque nese momento Michelle Bachelet, presa ela mesma e torturada polo réxime de Augusto Pinochet, estaba acompañada polos tres primeiros presidentes chilenos democráticos que houbo despois do fascismo pinochetista, Aylwin, Frei e Lagos, que gobernaron Chile, respectivamente, entre os anos 1990 e 2006. E, como ben se sabe, o actual conflito mapuche, na súa máxima crueza, ten lugar e tempo: a partir de 1990 e no sul do país enfronta as comunidades mapuches con empresas forestais e agrícolas -algunhas delas multinacionais- pola propiedade das terras que os mapuches indíxenas consideran ancestrais e da súa propiedade. ¿Houbo e hai vontade política real por partes dos diferentes Gobernos democráticos de Chile para solucionar a chamada cuestión mapuche? Todo está a indicar que non. Hai uns meses a presidenta Bachelet negouse a recibir un centenar de líderes mapuches encabezados por Juan Carlos Curinao, xefe da comunidade mapuche. E eu lembro a un José Saramago dicíndolle a Michelle Bachelet en Madrid, nun acto oficial: "Hágame el favor de mirar a los mapuches, los chilenos más antiguos". Mais o tempo pasou e pasa, e a presidenta chilena, vítima ela mesma de Pinochet, cultivou sobretodo o silencio e a indiferenza. Cousa ben triste sendo ela.

Xoves, 14 de Xaneiro do 2010
Miguel Anxo Fernán-Vello